Día 8. A rúa máis antiga de Ferrol

Pedra a pedra. Pincel e paletín. Hoxe volve ver a luz outra parte máis do antigo camiño de acceso á croa de Tralocastro. Entre o sector escavado o ano pasado e o desta campaña púidose documentar un tramo aínda máis desta rúa que, polo momento, ten un ancho máximo de 4 metros. E continua… Trátase dunha rampla coidadosamente empedrada (a base de pedras ben fincadas no chan), que presenta un estado de conservación excepcional e que evidencia os coñecementos de urbanismo dos antigos habitantes do castro. É unha rúa castrexa. Sen ser unha xoia de ouro, é un tesouro arqueolóxico. A súa antigüidade é de dous mil catrocentos anos. Por esta razón, atrévome a dicir que estamos diante da rúa máis antiga de Ferrol. Esta rúa histórica da Idade do Ferro está na parroquia de San Xoán de Esmelle, a uns poucos quilómetros do centro da nosa cidade.

Se desexan coñecer esta antiga rúa e os outros achados realizados polo equipo desta campaña están convidados á visita guiada “Aberto por escavación”. Lembren que será o día 31 de xullo (xoves) ás 12 h ou ás 16 h. A visita será gratuíta, non require inscrición previa e o punto de acollida será a Asociación de veciños de Esmelle. Esperámoslles!

Vista dos dous sectores de escavación deste ano. Foto: E. Taboada.

Sacando á luz un novo tramo da rúa empedrada de acceso ao castro. Foto: E. Taboada.

Limpando as pedras da rúa en rampla tras máis de 2400 anos de abandono. Foto: E. Taboada.

Vista aérea do camiño empedrado xunto a unha torre do acceso. Foto: E. Taboada.

A escavación da casa castrexa da croa prosegue a bo ritmo. Foto: E. Taboada.

Anterior
Anterior

Día 9.Urbanismo castrexo

Siguiente
Siguiente

Día 7. 4 metros y 60 centímetros