Día 8. Muíños
A parroquia de san Xoán de Esmelle é ben coñecida na zona pola recuperación das súas aceas ou muíños de fariña, algúns con dous séculos de historia ás súas costas. Todo ten unhas orixes remotas. A trituración de cereal para producir alimentos xa se facía en Tralocastro dous mil anos antes. Estes días apareceron varios fragmentos de muíños de rotación circular na escavación do castro, proba material desta actividade doméstica. Neste caso o movemento das pedras para moer non se conseguía coa auga, senón coa forza humana. O muíño está formado por dúas pedras labradas co forma redonda. A pedra inferior é fixa e a superior é móbil (ten un orificio central para introducir o gran e un mango de madeira para facela rotar). O uso do muíño rotatorio xeneralizouse cara ao século I a.C., mellorou a produción de fariña para alimentar á comunidade (fronte ao muíño barquiforme típico da Prehistoria) e reduciu o esforzo investido, en principio por mulleres.
E falando de alimentos e de mulleres, non quero deixar pasar a oportunidade de dar as grazas en nome de todo o equipo a Mariví e Vicky, que con tanta amabilidade cóidannos no local da asociación de veciños do val de Esmelle nas pausas diarias que facemos para comer e recuperar forzas.
Feliz día de Galicia. Ata o luns.