Cisxordania é un neolatinismo que fai referencia ás terras situadas ao oeste do río Xordán. Os ingleses chámana West Bank, a ‘Ribeira Occidental’. Ocupa unha superficie total de 6561 km2 e nela viven máis de tres millóns de persoas. Xunto con Xerusalén oriental e a franxa de Gaza, conforma hoxe os Territorios Ocupados Palestinos, cuxas fronteiras son as establecidas en 1967 tras a Guerra dos Seis Días.
Esta é unha terra cun pasado moi antigo, que desde o século XIX seduciu a arqueólogos e historiadores por ser, entre outras cousas, o escenario das narracións bíblicas. En Cisxordania atópanse lugares arqueolóxicos e históricos con ecos bíblicos tan importantes como Xericó, Samaría, Siquem, as cidades vellas de Belén, Hebrón/al-Khalil, Nablus etc.
No medio da violencia, dun conflito territorial que dura xa varias décadas, españois, portugueses e palestinos (Universidade da Coruña, Universidade Nova de Lisboa e Ministerio de Turismo e Antigüidades de Palestina) conseguimos obrar un pequeno milagre: abrir un espazo de liberdade reservado ao estudo dunha historia común. Entre 2017 e 2022, logramos xerar un pouco de ilusión en Tell el-Far’a, un sitio histórico preto da cidade cisxordana de Nablus, traballando de xeito conxunto con Dua’a, Sufyan, Maher, Bassam, Hayat, Mirvat, Seema, Niveen e Haneen. Elas e eles son o factor humano, palestino, dunha arqueoloxía que se exerce contra corrente nunha zona marcada pola violencia. Elas e eles son a esperanza dunha nova Palestina, aínda en construción. Elas e eles fan moito máis que arqueoloxía. Son os rostros dunha arqueoloxía con humanidade, con dignidade, con corazón, captados con toda a súa expresividade polo fotógrafo ferrolán José Pardo.
Organiza: Proxecto Arqueolóxico de Tell el-Far’a, Palestina (UDC, UNL e MoTA, www.tellelfara.com).